Abegondo volve marcar pola solidariedade co torneo ‘Mételle un gol ao cancro’ no pavillón de San Marcos

ACoruñaXa
A cita reuniu fútbol sala, música e gastronomía para recadar fondos a favor do Centro Oncolóxico de Galicia, unha entidade centrada na loita contra o cancro
ABEGONDO torneo cancer
30 Dec 2025

O pavillón municipal de San Marcos, en Abegondo, converteuse de novo esta última fin de semana de decembro no escenario dun dos clásicos solidarios do Nadal na comarca: o torneo de fútbol sala ‘Mételle un gol ao cancro’. A iniciativa, que suma xa a súa decimosexta edición, busca recadar fondos para o Centro Oncolóxico de Galicia e combinar deporte e convivencia nun ambiente familiar.

A competición desenvolveuse entre o 26 e o 28 de decembro, con partidos en categoría feminina e masculina (16 equipos en total, segundo a organización), e culminou co acto de entrega de trofeos, que puxo o broche final a varias xornadas de actividade.

Máis alá do xogo, o evento completouse con propostas para todas as idades e un programa paralelo pensado para facer do torneo unha festa: degustacións e postos de comida, presenza de ‘food trucks’, sorteos e música en directo con sesión de DJ. O domingo, ademais, celebrouse o Trofeo Mary Carmen Presas cun encontro de veteranos entre o RC Deportivo e o Ardebullo FC, un dos momentos máis emotivos desta edición.

Desde a organización lembran que todo o recadado destínase ao Centro Oncolóxico de Galicia, entidade con sede na Coruña cuxo fin primordial é a loita contra o cancro a través da actividade asistencial, docente e investigadora.

⚙ Configurar cookies
0.078025102615356