Abegondo renovará a iluminación e as caldeiras do campo de fútbol de Vizoño con sistemas máis eficientes

Abegondo renovará a iluminación e as caldeiras do campo de fútbol de Vizoño coa implantación de novas tecnoloxías máis respectuosas co medio ambiente e con maior eficiencia enerxética.
Así o confirmou o alcalde, José Antonio Santiso, que explicou que o Concello acaba de recibir unha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia para avanzar nesta liña de traballo. Segundo indicou, trátase dunha actuación que permitirá mellorar o estado actual da instalación e reducir as emisións de CO2, promovendo o coidado do medio ambiente.
O proxecto inclúe a renovación da instalación eléctrica, que presenta deficiencias polo paso do tempo. Actualmente o campo conta con catro torres de iluminación de 15 metros con proxectores, que serán substituídos por luminarias LED máis eficientes, colocando cinco proxectores (tres de 600 vatios e dous de 900) para garantir unha maior uniformidade lumínica.
Ademais, instalarase un sistema de auga quente nos vestiarios baseado en enerxía aerotérmica, capaz de cubrir a demanda actual dos usuarios. O alcalde destacou que estas obras suporán unha diminución na demanda eléctrica e un importante aforro para as arcas municipais.
Santiso subliñou que esta actuación forma parte dunha liña de traballo que o Concello mantén desde hai anos. Lembra que en 2024 se executou unha reforma no campo de fútbol de O Monte, en Mabegondo, coa instalación de proxectores LED e a renovación das cubertas dos vestiarios grazas a outra subvención autonómica.