Abegondo renovou as aulas de Educación Infantil do CEIP San Marcos durante o verán

ACoruñaXa
O Concello investiu 7.200 euros no pintado integral das aulas e zonas comúns, garantindo un espazo renovado para o novo curso escolar
Imaxe do CEIP San Marcos de Abegondo
19 Out 2024

O Concello de Abegondo continúa coa súa aposta pola mellora das instalacións educativas do municipio co pintado integral das aulas de Educación Infantil do CEIP San Marcos. A intervención, que contou cun orzamento de 7.200 euros, permitiu renovar por completo as seis aulas de Infantil e as súas zonas comúns, mellorando a estética e funcionalidade destes espazos destinados ao estudo dos máis pequenos.

Os traballos realizáronse durante as vacacións de verán, co obxectivo de evitar calquera interferencia coas clases e garantir que as aulas estiveran a punto para o comezo do curso escolar. O tenente de alcalde, Alberto Seoane, visitou esta mañá o centro acompañado por varios docentes, e expresou a súa satisfacción polo resultado. “Esta actuación era necesaria para que os nenos e nenas do CEIP San Marcos poidan dispoñer dunhas instalacións axeitadas para o seu desenvolvemento educativo”, afirmou Seoane.

Con esta intervención, Abegondo reafirma o seu compromiso coa mellora constante dos centros educativos, co fin de proporcionar unhas condicións óptimas para a formación do alumnado.

0.16099810600281