Abegondo reforza a seguridade do campo de fútbol de O Monte coa reconstrución dun muro
O Concello de Abegondo iniciou esta semana unha intervención de emerxencia no campo de fútbol de O Monte tras detectar os técnicos un risco de derrube no muro traseiro da instalación. Este elemento, que separa o recinto dunha explanada de area utilizada como aparcadoiro e dun vial circundante, presentaba graves problemas de estabilidade.
Os temporais recentes afectaron profundamente a estrutura, cuxa construción inicial non cumpría as condicións axeitadas para evitar filtracións de auga. Ante a proximidade do muro ao terreo de xogo, o Concello decidiu actuar con urxencia, procedendo á súa demolición e á construción dun novo muro que garantirá a seguridade na zona.
Ademais, o goberno local aproveita a intervención para ampliar o espazo do recinto. Este aumento permitirá, no futuro, dispoñer de superficie adicional para a ampliación do campo ou para a creación de zonas auxiliares que melloren as prestacións da instalación.
O vial adxacente será urbanizado de novo, desviándose uns metros pola explanada de area, mentres que as obras progresan rapidamente co obxectivo de minimizar o impacto no uso habitual do campo.