Abegondo recibe 700.000 € da Xunta para ampliar o polideportivo e completa o investimento ata 1,48 millóns

O Concello de Abegondo obtivo 700.000 € da Xunta de Galicia para a ampliación e reforma do polideportivo municipal de San Marcos, e aprobou en Pleno un suplemento de crédito con cargo ao remanente por 1.082.394 € para completar tres proxectos prioritarios. Coa achega municipal de 783.831,35 €, a actuación no pavillón —principal infraestrutura deportiva do municipio— acada un orzamento total de 1.483.831,35 €. O plan contempla modernizar ximnasio, vestiarios, salas e zonas comúns, adaptándoas á alta demanda de uso.
Ademais, o suplemento reserva 198.568,65 € para urbanizar os accesos e crear un aparcadoiro do novo centro de saúde, habilitando entrada e saída desde a AC-542. Segundo o alcalde, José Antonio Santiso, as obras do edificio sanitario que executa a Xunta avanzan a bo ritmo e prevese a súa inauguración na primavera.
A terceira partida, de 100.000 €, destinarase á compra dunha parcela rústica próxima a núcleos urbanos para un proxecto pioneiro de vivenda para xente moza. Esta contía súmase aos 400.000 € xa reservados no orzamento municipal.
O suplemento aprobouse por unanimidade dos presentes no Pleno. Non asistiron edís da oposición á sesión.