Abegondo quenta motores para a súa gran festa de Entroido

O Concello de Abegondo celebrará a súa gran festa de Entroido cunha serie de concursos de disfraces nos que se repartirán preto de 2.000 euros en premios. O evento, que cada ano reúne a centos de persoas, terá lugar o domingo 2 de marzo a partir das 17.00 horas no Campo da Feira e no pavillón polideportivo.
O desfile dos participantes nos concursos comezará ás 18.30 horas. A inscrición poderá realizarse in situ ata as 18.00 horas. Establecéronse tres modalidades de concursos: a categoría individual ou en parella para adultos, cun premio de 150 euros; a modalidade de grupos, de 3 a 7 integrantes, cun primeiro premio de 300 euros e un segundo de 200 euros; e a categoría de comparsas, con 8 ou máis integrantes, cun primeiro premio de 800 euros e un segundo de 500 euros.
O evento contará coa animación musical de Carlos Manteiga, quen porá a banda sonora á festa con música do momento.