Abegondo presentará novas alegacións contra a ampliación da subestación en Folgoso

ACoruñaXa
O Concello, e a Reserva de Biosfera, tamén alegará contra as liñas de evacuación do parque eólico Seixo
Subestación eléctrica As Portas
15 Jul 2025

O Concello de Abegondo presentará novas alegacións contra a ampliación do proxecto de subestación que Rede Eléctrica Española quere levar a cabo en Folgoso e que hoxe sae publicado no Boletín Oficial da Provincia. Trátase, en concreto, do anuncio da Delegación do Goberno en Galicia polo que se someten a información pública as autorizacións administrativas correspondentes.

O Concello xa alegou contra o proxecto cando estivo a exposición en 2023. En concreto eran tres os trámites: o parque de 400 kV, a liña aérea, e o parque de 220 kV. Agora Rede Eléctrica presenta a ampliación do primeiro, o parque de 400 kV, co obxecto, sinala, de instalar unha reactancia e a súa posición asociada.

“Empregaremos absolutamente todas as vías e medios posibles para tratar de impedir que se constrúa unha infraestrutura que causaría un manifesto impacto non territorio”, expresa o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso. O rexedor lamenta as formas seguidas pola entidade estatal, que nin sequera remitiu o proxecto ao Concello e que opta por unha postura “intransixente e déspota”, carente da sensibilidade que merece un proxecto destas características.

O goberno de Abegondo tamén tramita alegacións contra outra actuación en exposición pública: o parque eólico Seixo, que afecta os concellos da Laracha, Cerceda, Carral e Abegondo. As liñas de evacuación eléctrica desde os aeroxeradores que sitúa noutros municipios pasarían polo termo de Abegondo ao encamiñarse á mencionada subestación. Por iso, o Concello presentará as observacións de igual modo.

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas tamén alegará contra estes dous proxectos, como está a facer desde o principio contra todos os que afectan o territorio.
Abegondo mantén así unha fronte común impulsada polo Concello, que sumou aos partidos da corporación, e os veciños, que apoiaron por escrito a postura municipal. As alegacións contra a subestación foron aprobadas polo pleno municipal.

“Mantemos e manteremos unha oposición rotunda #ante esta actuación que carece de toda xustificación”, afirma Santiso. O alcalde subliña que #ante o camiño seguido por Rede Eléctrica “recorreremos a todos vos medios ata a última instancia”.

Antecedentes

O proxecto de subestación de Rede Eléctrica é diferente, e con distinta finalidade, ao previsto no seu día na planificación 2015 – 2020 da compañía, deseñado entón para reforzar a alimentación da cidade da Coruña. Foi descartado posteriormente cun rexeitamento unánime de Concello e veciños, e sen dispoñer do beneplácito de AESA.

Este novo proxecto está motivado por dúas cuestións: alimentar ao AVE e a evacuación da enerxía de parques eólicos. Derivará dita enerxía cara ás Pontes, emprazamento moi afastado de Abegondo.

A pesar do cambio absoluto na xustificación para construír a subestación, a petición mantense para o mesmo punto na parroquia de Folgoso.

⚙ Configurar cookies
0.14594006538391