Abegondo presenta a súa axenda de Nadal con obradoiros e espectáculos gratuítos para toda a familia

O Concello de Abegondo vén de dar a coñecer a súa axenda de Nadal 2025-2026, cun calendario de propostas de balde pensadas para gozar en familia ao longo das festas. A programación arranca esta semana cos ‘Obradoiros Corresponsables de Nadal’, que se desenvolverán os días 19, 20, 21 e 22 de decembro, en horario de 16.30 a 18.30 horas na Aula Lúdica.
Un dos pratos fortes será o ‘Concerto de Nadal’, previsto para o domingo 21 de decembro ás 19.00 horas no Centro Cultural O Salón. A continuación, o martes 23 terá lugar a ‘Xornada de Diversión Corresponsable’, tamén de 16.30 a 18.30 horas no mesmo Centro Cultural.
O calendario continuará o 26 de decembro co obradoiro ‘Cociña de Nadal Corresponsable’, que se celebrará de 16.30 a 18.30 horas na Aula de cociña de Mabegondo. Xa o 29 de decembro, o público poderá asistir ao espectáculo ‘Vicki e a felicidade’, ás 17.30 horas no Centro Cultural O Salón.
A programación pecharase o 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis Magos, a partir das 17.00 horas no Pavillón de San Marcos. Ademais, o Concello lembra que quen queira participar como pastores na comitiva pode inscribirse no Departamento de Cultura, na biblioteca ou chamando ao 981 669 266, ata o 29 de decembro.