Abegondo premia aos mellores cans de caza de Galicia nunha xornada con grande participación

ACoruñaXa
A Mostra de Cans de Caza reuniu a numerosos exemplares procedentes de diferentes puntos da xeografía
caza-cans-abegondo
16 Jun 2025

A finca As Quintás de Abegondo converteuse no escenario dunha das citas máis destacadas para os amantes da caza e da cinofilia: a Mostra de Cans de Caza, organizada pola Asociación de Cazadores de Abegondo en colaboración co Concello. O evento reuniu a numerosos exemplares procedentes de diferentes puntos, destacando pola calidade e variedade das razas participantes.

Durante a xornada, repartíronse distintivos nas categorías de caza maior, caza menor (dividida en pelo e pluma), mellor can, mellor lote e mellor camada. Os encargados de facer entrega dos galardóns foron o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso; o concelleiro Marcos Zapata; o presidente da asociación organizadora, José Antonio Bouzas; e o secretario, Óscar Couceiro.

Na categoría de caza maior, o primeiro premio recaeu en Zisco, un sabuxo de Baviera; o segundo foi para Bruce, un grifón azul; e o terceiro para Urni, un petit gascon. En caza menor (pelo), impúxose Ray, un beagle, seguido por Tango (tamén beagle) e Marcelo, un petit basset. Na modalidade de caza menor (pluma), Prior, un setter inglés, fíxose co primeiro posto; Chao, un pointer, co segundo; e Mora, unha setter gordon, co terceiro.

O premio á mellor jauría foi para un grupo de grifón azul; a mellor camada correspondeulle aos petit blue gascon; e o recoñecemento ao mellor can da exposición foi para Dandy, un anglo-francés de caza.

Ao remate do acto, o alcalde José Antonio Santiso agradeceu “a todos os integrantes da Asociación de Cazadores de Abegondo, así como a todo o público que se congregou hoxe aquí, o asistir a esta mostra, un precioso acto no que non só podemos ver preciosos exemplares de cans de caza, senón tamén compartir unha mañá de domingo dunha forma diferente”.

A mostra consolidouse un ano máis como un espazo de encontro entre afeccionados á caza, criadores e público xeral, reivindicando o valor patrimonial e cultural destas razas no ámbito rural galego.

⚙ Configurar cookies
0.17209410667419