Abegondo premia a creatividade do seu Entroido cun concurso de disfraces ‘máis máxico ca nunca’

ACoruñaXa
‘Os pescadores’, ‘A todo gas Abegondo’ e ‘A chincheta de Meicende’ levaron os primeiros premios nas categorías individual, grupal e de comparsas
ABEGONDO 2026 entroido
17 Feb 2026

O Concello de Abegondo celebrou esta fin de semana unha xornada de Entroido marcada pola música, o baile e o ambiente familiar, cun concurso de disfraces no que a imaxinación volveu ser a gran protagonista. Ao longo da tarde, veciñanza de todas as idades gozou dunha festa na que non faltaron as risas, os xogos e a entrega de premios ás propostas máis destacadas.

Na categoría individual ou por parellas, o primeiro premio foi para ‘Os pescadores’, mentres que o segundo recaeu en ‘O caixeiro do Mercadona’.

Na modalidade grupal, o xurado recoñeceu con ouro a ‘A todo gas Abegondo’. O segundo posto foi para ‘Non perdas o fío’ e o terceiro para ‘De Abeghondo a Benidorm’.

Pola súa banda, na categoría de comparsas, a clasificación quedou encabezada por ‘A chincheta de Meicende’, seguida de ‘As xirafas de Orto’ e ‘Amazónicas’.

Ademais, o premio especial de orixinalidade foi para ‘Crebanoces’, unha proposta que destacou pola súa singularidade e posta en escena.

Desde o Concello agradeceron a participación e a implicación das persoas asistentes, subliñando que o Entroido ‘segue a ser un dos festexos máis especiais do ano’ no municipio. A administración local informou tamén de que os accésit de promoción á cultura local se resolverán nos vindeiros días, unha vez rematadas as comprobacións no padrón que realizarán os servizos municipais.

⚙ Configurar cookies
0.078623056411743