Abegondo ofrece un obradoiro para un ‘Nadal ciberseguro’ na Aula CeMIT


A Aula CeMIT de Abegondo organizará o vindeiro martes 11 de novembro unha sesión práctica de ciberseguridade orientada a compras en liña seguras durante a tempada do Nadal. O curso desenvolverase de 11.30 a 13.00 horas e está dirixido a persoas que queiran previr fraudes en Internet e reforzar os seus hábitos de seguridade dixital.
Baixo o lema ‘Prepárate para un Nadal ciberseguro’, o obradoiro abordará cuestións clave como comprobar se unha oferta de Black Friday é auténtica, garantir que os pagamentos sexan seguros, recoñecer as estafas máis habituais nestas datas e coñecer os riscos asociados aos xoguetes e dispositivos conectados que chegan como agasallo.
A participación é gratuíta e as prazas poden reservarse a través do correo electrónico cemit.abegondo@xunta.gal ou no teléfono 981 647 909. O Concello anima a veciñanza a inscribirse para tomar o control da súa seguridade dixital e gozar dun consumo en liña máis responsable durante as festas.