Abegondo ofrece atención infantil de 9 horas diarias en Semana Santa

ACoruñaXa
Un servizo de atención infantil flexible e adaptado ás necesidades do máis pequenos para facilitar a conciliación
pascua-abegondo
12 Apr 2025

O Concello de Abegondo reforza o seu compromiso coa conciliación familiar durante os períodos non lectivos cun programa que permite ás familias contar cun servizo de atención infantil flexible e adaptado ás súas necesidades. Durante a Semana Santa, a Aula Lúdica municipal permanecerá aberta os días laborables non lectivos: luns 14, martes 15, mércores 16 e luns 21 de abril, en horario ininterrompido de 7.30 a 16.30 horas.

Este servizo, que conta cunha ampla aceptación entre as familias do municipio, ofrece nove horas diarias de atención para nenos e nenas, nas que se desenvolven actividades de lecer educativo, xogos e propostas deportivas. Ademais, as crianzas teñen a posibilidade de almorzar e xantar nas instalacións, o que facilita aínda máis a organización diaria dos fogares.

A flexibilidade do programa permite ás familias empregar o servizo segundo as súas necesidades: hai quen o utiliza a diario e durante toda a xornada, quen opta por días concretos, ou quen recorre a el só en momentos puntuais. O modelo consolidouse como unha alternativa eficaz de conciliación, case "baixo demanda", grazas á súa capacidade de adaptación.

Como parte das actividades especiais desta semana, o Concello organizará tamén obradoiros de Pascua o martes 15 e o luns 21, en horario de 16.30 a 19.30 horas. Estas sesións estarán centradas en manualidades e xogos ao aire libre, prolongando así o tempo de atención aos pequenos e ofrecendo propostas lúdicas vencelladas á natureza.

Desde o Concello destacan a importancia de manter servizos como este durante todo o ano, especialmente en épocas nas que se dificulta a conciliación entre vida laboral e familiar. “Queremos que as familias atopen en Abegondo un apoio real para organizar o seu día a día, sen que os períodos non lectivos sexan un problema”, sinalan desde o executivo local.

⚙ Configurar cookies
0.16700792312622