Abegondo modifica a Relación de Postos de Traballo para reorganizar a área administrativa

O Concello de Abegondo celebrou hoxe o pleno ordinario da corporación, no que a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) foi o asunto principal. O Goberno local impulsou este cambio co obxectivo de actualizar varios postos e reorganizar a área administrativa.
En concreto, o Concello creará unha nova área de Administración Xeral, que asumirá competencias en materia de contratación, ordenación de recursos humanos, urbanismo, padrón, inventario e patrimonio municipal.
Coa modificación da RPT, o Concello actualiza as condicións salariais dos postos con remuneración máis baixa, adaptándoas ao incremento do salario mínimo. Esta medida beneficiará aos conserxes do colexio, polideportivo e Concello, así como á auxiliar de biblioteca.
A masa salarial non se verá incrementada no seu conxunto, xa que se amortiza o posto de educadora familiar, cuxas funcións xa foron asumidas pola psicopedagoga. Ademais, crearase un novo posto de técnico xurídico de apoio.
O alcalde, José Antonio Santiso, avanzou que o vindeiro ano prevése a extinción de dous dos conserxes e da auxiliar de biblioteca por xubilación. As súa funcións serán asumidas polas empresas contratadas polo Concello, "o que nos permitirá nese momento dispor de recursos para seguir optimizando a organización municipal". A modificación da RPT foi aprobada cos votos favorables do grupo de goberno e os votos en contra do grupo socialista. O edil nacionalista non asistiu á sesión.
Liquidación con superávit
O alcalde informou no pleno sobre a liquidación do exercicio económico de 2024, cun balance positivo que reflicte un superávit de 835.461,61 euros. Este resultado obtense tras unhas obrigas recoñecidas de 7.523.140,54 euros e uns dereitos recoñecidos de 8.447.223,68 euros, unha vez efectuados os axustes correspondentes.
O remanente de tesourería, que determina o estado real das contas municipais, situouse en 2.150.468,58 euros tras o peche do exercicio 2024. Esta situación permitirá ao goberno local dedicar parte destes fondos a novos investimentos de interese veciñal. O Concello estima que poderá empregar arredor de 800.000 euros do remanente cumprindo a regra de gasto determinada polo Estado para as administracións públicas.
"Consideramos xusto poder dedicar fondos municipais do remanente a actuacións de interese para Abegondo", destacou o alcalde Santiso.