Abegondo licita o aparcadoiro e os accesos do novo centro de saúde

ACoruñaXa
O contrato ascende a 164.101,36 euros con cargo ao remanente de tesouraría e incluirá 21 prazas ademais de viais peonís e mobiliario urbano
ABEGONDO nuevo aparcamiento
20 Oct 2025

O Concello de Abegondo vén de sacar a licitación o proxecto para construír o aparcadoiro e os accesos do novo centro de saúde, unha actuación que o alcalde, José Antonio Santiso, cualificou de “esenciais” para completar a carta de servizos da instalación e facilitar o acceso das persoas usuarias. Fóra do horario de atención, o espazo quedará dispoñible para o conxunto da veciñanza, ampliando as zonas de estacionamento nun contorno con grande actividade pola presenza do pavillón, a biblioteca municipal e a ludoteca.

O contrato, con valor estimado de 164.101,36 euros, financiarase con remanente de tesouraría. A intervención executarase nunha parcela de 1.088,70 m² situada fronte á fachada principal do centro sanitario, actualmente en desuso, que se distribuirá entre viais de circulación rodada e peonil e zona de estacionamento. O deseño prevé 21 prazas —tres para persoas con mobilidade reducida e unha para ambulancia—, con dous viais de sentido único e estacionamentos dispostos en batería.

O proxecto inclúe a retirada do peche existente, labores de desbroce, explanación, traballos de axardinamento e a colocación de sinalización horizontal e vertical. Tamén se dotará de mobiliario urbano, como bancos e papeleras, para ordenar o acceso e mellorar a confortabilidade do contorno.

En paralelo, a Xunta de Galicia licitou recentemente o subministro de equipamento electromédico para varios centros de saúde, entre eles o de Abegondo, que incorporará autoclaves de esterilización, electrocardiógrafos, sistemas de adquisición e monitorización automatizada de constantes vitais, equipos de radiografía intraoral, equipamento de tratamento dental e ecógrafos portátiles, reforzando así a capacidade asistencial da nova dotación.

⚙ Configurar cookies
0.071936845779419