Abegondo levará a cabo medidas de eficiencia enerxética no campo de futbol do Monte, en Mabegondo
As prestacións do campo de fútbol municipal do Monte, en Mabegondo, veranse notablemente incrementadas trala realización da nova intervención que levará a cabo o Concello. Dita actuación estará incluída na promoción de medidas de eficiencia enerxética, que serán posibles grazas á subvención concedida pola Xunta de Galicia.
En concreto, o goberno local dotará de nova iluminación, con tecnoloxía LED ao campo, aumentando así as condicións de luminosidade para a práctica deportiva, á vez que se procura o aforro enerxético e coidado do medio ambiente. A intervención suporá a substitución dos focos actuais, haloxenuros.
Realizarase a instalación para cada unha das catro torres de catro proxectores LED de 590 w cada un deles. Con isto conseguirase, cunha potencia eléctrica inferior á existente (na actualidade disponse de 3 lámpadas en cada torreta de 1000 w cada unha), un maior nivel de iluminación.
O outro apartado da actuación está centrado na cuberta dos vestiarios. A actual é de lousetas sobre formigón, tendo xa anos de antigüidade, o que provoca a entrada de auga.
No seu lugar, colocarase unha cuberta inclinada a base de panel sandwich. Esta tipoloxía de panel deseñouse, entre outras funcións, para actuar como illante, reducindo así o uso enerxético. Ademais a sostibilidade e eficiencia dos materiais empregados na súa fabricación, convérteno nunha das mellores opcións no que se refire a aforro e eficiencia.
O financiamento do proxecto procederá do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. O investimento ascenderá a 48.399,56 euros.
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o Concello, xunto coa delegada territorial, Belén do Campo, para presentar as axudas. Xunto ao alcalde informaron das características da actuación, que será executada ao longo de 2024.
Santiso agradeceu a implicación da Xunta para acometer a mellora no campo, que ten un emprego diario tanto para adestramentos e partidos do San Tirso como para a formación das escolas municipais de fútbol.
As dirixentes autonómicas destacaron a importancia da cooperación cos pequenos concellos para o desenvolvemento de proxectos que priman a eficiencia enerxética, colaborando así coa sostibilidade e o respecto pola contorna.