Abegondo inviste 55.000 euros en bolsas de estudo para todas as etapas educativas

ACoruñaXa
As axudas, que inclúen fondos para transporte e material escolar, poderán solicitarse ata o 28 de novembro
extraescolares
12 Nov 2024

O Concello de Abegondo lanza un ano máis a súa convocatoria de bolsas de estudo para o curso 2024/2025, destinadas a apoiar ás familias en cubrir parte dos gastos educativos. O programa asigna un total de 55.000 euros, dos cales 30.000 euros estarán destinados a axudas para transporte educativo e 25.000 euros para escolarización.

As axudas abarcan todas as etapas educativas. En infantil, primaria e secundaria, están orientadas a facilitar o acceso á educación mediante a adquisición de material escolar, mentres que en bacharelato, universidade, ciclos formativos e outras ensinanzas medias non obrigatorias, destínanse a cubrir os gastos de desprazamento.

As solicitudes poderán presentarse ata o 28 de novembro, dispoñendo dos formularios na web municipal, que se poderán entregar tanto a través da sede electrónica como no rexistro municipal. Para as axudas de estudos universitarios, o trámite será exclusivamente en liña. Quen precise axuda para completar o formulario poderá acudir ao departamento de Educación e Cultura do Concello de Abegondo.

O alcalde, José Antonio Santiso, destacou a importancia destas axudas, cualificándoas como “fundamentais para apoiar ás familias ao cubrir os custos de transporte e escolarización.”

0.19850516319275