Abegondo inicia a compra dunha parcela para promover vivenda destinada á mocidade

ACoruñaXa
O Concello licita a adquisición dun terreo de máis de 10.000 metros cadrados xunto ao núcleo urbano e lanzará unha enquisa entre a xente nova para saber se prefiren compra ou alugueiro
Concello_de_Abegondo
27 Oct 2025

Abegondo vén de iniciar o proceso para adquirir unha parcela situada nas proximidades dos núcleos urbanos co obxectivo de destinala á construción de vivenda dirixida á xente nova. O alcalde, José Antonio Santiso, explicou que a medida busca ofrecer unha resposta directa ás dificultades de acceso á vivenda por parte da mocidade: ‘Trátase dunha actuación esencial nun contexto no que se está a producir unha suba constante dos prezos, que prexudica ao conxunto da cidadanía e que golpea con máis forza aos máis novos’.

Segundo recolle o expediente municipal, o Concello busca un terreo que cumpra unha serie de requisitos concretos. A parcela deberá ter unha superficie mínima de máis de 10.000 metros cadrados e localizarse en contacto directo con solo urbano consolidado do propio municipio. Ademais, deberá incluír edificacións tradicionais cun tamaño non inferior a 1.000 metros cadrados e contar coa clasificación urbanística de solo rústico.

Ao mesmo tempo, o goberno local avanzou que porá en marcha unha enquisa entre a mocidade do municipio para coñecer de primeira man cal é a demanda real de vivenda. O sondeo servirá tamén para identificar cal é a preferencia maioritaria: acceso en réxime de compra ou en alugueiro.

O Concello defende que esta liña de actuación pretende facilitar que as persoas máis novas poidan iniciar o seu proxecto de vida en Abegondo, nun momento marcado pola escaseza de oferta asequible, o encarecemento dos materiais de construción e a complexidade administrativa á hora de promover novas vivendas.

⚙ Configurar cookies
0.083645105361938