Abegondo impulsa a recuperación do histórico Cruceiro Bonito

O Concello de Abegondo vén de poñer en marcha a restauración do Cruceiro Bonito, un elemento patrimonial recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC). A actuación realízase grazas a un convenio coa Igrexa e ao decisivo apoio da Asociación de Veciños de Santa Eulalia de Abegondo.
Os traballos, centrados na limpeza e conservación da peza, prevese que rematen no prazo aproximado dun mes.
O cruceiro, símbolo identitario da parroquia, conta cunha historia marcada pola defensa veciñal: durante a ditadura, o entón alcalde da Coruña, Alfonso Molina, tentou trasladalo á cidade, pero a firme oposición da poboación permitiu que permanecese no seu lugar orixinal.