Abegondo festexa ao seu patrón San Marcos coa XXXII Festa da Terceira Idade

A recentemente reformada Finca Os Loureiros converteuse hoxe no epicentro da celebración dun dos días máis sinalados do calendario en Abegondo: San Marcos, patrón do municipio. O espazo serviu de punto de encontro para os 535 comensais que participaron na XXXII Festa da Terceira Idade, un evento que combina tradición, gastronomía e música.
Como é habitual, a comida de confraternización foi o prato forte da xornada, nun ambiente cheo de conversa e reencontros entre veciños das distintas parroquias. O menú deste ano estivo composto por entremeses, callos, carne asada, pastelería, xeado e café.
Antes de comezar a degustación dos pratos, o alcalde, José Antonio Santiso, deu a benvida aos asistentes, destacando a relevancia desta cita: "Permite non só celebrar un dos nosos días grandes como é o de San Marcos, senón tamén xerar un punto de encontro e unión para os veciños e veciñas de todas as parroquias".
A música tamén tivo un papel protagonista na festa. A Banda de Música de Abegondo foi a encargada de abrir a parte musical da xornada, seguida polas actuacións de Carlos Manteiga e de Nolly, cantante da recoñecida orquestra Los Satélites, que puxeron ritmo e animación ata o final da celebración.
Con boa comida, mellor compañía e música para todos os gustos, Abegondo reafirma o seu compromiso coa súa veciñanza maior, facendo da Festa da Terceira Idade un dos encontros máis queridos e esperados do ano.