Abegondo e Culleredo únense na loita contra o párkinson cunha carreira solidaria no paseo do Burgo

Os concellos de Abegondo e Culleredo amosan unha vez máis a súa cara máis solidaria coa celebración da IV Carreira e Andaina Solidaria polo Parkinson, unha iniciativa promovida pola Asociación Parkinson Galicia-Coruña, entidade de referencia no apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade neurodexenerativa na área metropolitana da Coruña.
Desde o Concello de Abegondo anímase a toda a veciñanza a participar neste evento deportivo e social, que ten como obxectivo visibilizar a realidade das persoas con párkinson e recadar fondos que permitan continuar coa importante labor que desenvolve a Asociación Parkinson Galicia-Coruña no ámbito da atención, rehabilitación e acompañamento.
A actividade, con saída no paseo do Burgo no termo municipal de Culleredo, está aberta a participantes de todas as idades e condicións físicas, cun formato de carreira (10 km) e outro de andaina (4 km), para facilitar unha ampla participación.
O Concello de Culleredo, como anfitrión do evento, colabora na organización e na loxística da cita, reafirmando o seu apoio ás causas solidarias e á mellora da calidade de vida da veciñanza.
A cita, xa consolidada tras catro edicións, busca superar a participación doutros anos e converterse nun referente do calendario solidario na comarca. As persoas interesadas poderán inscribirse nos próximos días a través das canles habilitadas pola Asociación Parkinson Galicia-Coruña, así como consultar toda a información nas webs dos concellos participantes.