Abegondo e a Reserva de Biosfera alegan contra a ampliación da subestación eléctrica en Folgoso

O Concello de Abegondo, xunto coa Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, presentou alegacións á ampliación da subestación de 400 kV que Red Eléctrica pretende construír na parroquia de Folgoso. O rexedor, José Antonio Santiso, solicita ao Goberno que denegue as autorizacións administrativas necesarias, tanto para esta modificación como para o proxecto global presentado en 2023.
Os informes técnicos municipais advirten de que a proposta incumpre o Plan Xeral de Ordenación Municipal e a Lei do Solo, ao situarse en solo rústico de especial protección forestal. Ademais, sinalan a ausencia dunha xustificación detallada sobre a elección do emprazamento e apuntan a posibles afeccións ao paisaxe, á calidade das augas, á fauna e á flora da zona.
As alegacións tamén reclaman estudos complementarios, como análises hidrolóxicas, inventarios de mananciais e avaliacións sobre a herpetofauna e o patrimonio. Igualmente, solicitan medidas de prevención fronte a incendios e compensacións para os propietarios afectados.
Segundo o Concello, o proxecto derivaría a enerxía recollida cara As Pontes, un destino afastado de Abegondo, e suporía un impacto significativo sobre o territorio e o desenvolvemento rural sostible. A administración local e as entidades veciñais reiteran a súa vontade de empregar todas as vías legais para defender a súa postura.