Abegondo destinará o POS+ Adicional en gasto corrente e prevé reinvestilo en novas obras o próximo ano

ACoruñaXa
O Concello utilizará os máis de 240.000 euros da Deputación para gasto ordinario en 2025 e incorporará a partida no orzamento de 2026 para actuacións en beirarrúas, seguridade viaria e saneamento
ABEGONDO pleno
29 Oct 2025

O Concello de Abegondo aprobou a primeira fase do POS+ Adicional da Deputación da Coruña. A achega provincial, que ascende a 241.556,87 euros, empregarase este ano para afrontar gastos correntes, principalmente o pago de nóminas do persoal municipal.

O alcalde, José Antonio Santiso, agradeceu a flexibilidade do ente provincial por permitir destinar o plan a gasto ordinario e explicou que esta decisión permitirá que o Concello poida avanzar na tramitación de proxectos e investimentos coa supervisión directa do seu propio persoal. Ademais, o rexedor anunciou a súa intención de reincorporar a contía no orzamento de 2026, de modo que se poida investir en obras de mellora de beirarrúas, reforzo da seguridade viaria en diversos puntos do municipio e novas actuacións de saneamento.

A proposta foi aprobada cos votos favorables do grupo municipal do PP e coa abstención do PSOE, mentres que o representante do BNG non asistiu á sesión por motivos persoais.

⚙ Configurar cookies
0.073416233062744