Abegondo celebrou o seu gran Entroido cunha festa multitudinaria

O Concello de Abegondo celebrou por todo o alto a súa gran festa de Entroido. Desde primeira hora da tarde, o polideportivo municipal acolleu a centos de veciños, cun protagonismo especial para os máis pequenos.
Os concursos de disfraces, dotados con 2.000 euros en premios, foron o prato principal da xornada. O desfile das decenas de participantes estivo acompañado de numerosos aplausos por parte do público, que destacou a creatividade dos traxes.
O Concello convocou tres modalidades de concursos para fomentar a participación. Na categoría individual ou en parella, para adultos, venceu "Dama Branca", que obtivo un premio de 150 euros.
Na modalidade de grupos, de 3 a 7 integrantes, o primeiro premio de 300 euros foi para "Caralletas Despeluxadas", mentres que o segundo, de 200 euros, recaeu en "Fórmula 1". Na categoría de comparsas, con 8 ou máis integrantes, repartíronse dous premios de 800 e 500 euros respectivamente. O grupo vencedor foi "Aladín en troula", seguido de "Bribeslyx" en segunda posición.
O alcalde, José Antonio Santiso, acompañado polos concelleiros Alberto Seoane e Francisca Bestilleiro, foi o encargado de entregar os premios aos gañadores. O rexedor felicitou a todos os participantes "por preservar o espírito do Entroido".
Ademais dos concursos, o Concello repartiu agasallos para todos aqueles que acudiron disfrazados. O evento estivo amenizado pola música do momento a cargo de Carlos Manteiga, facendo que a celebración fose aínda máis animada e divertida.