Abegondo celebrará unha nova edición de "Abegondo en Familia" o 13 de xullo

ACoruñaXa
O evento promete ser unha xornada de convivencia e entretemento nun entorno natural e acolledor
abeg-familia
6 Jul 2025

O Concello de Abegondo organiza unha nova edición de "Abegondo en Familia", unha xornada lúdica pensada para o desfrute de pequenos e maiores, que terá lugar o vindeiro 13 de xullo. A cita, xa consolidada no calendario local, conta co apoio da Xunta de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais.

A programación comezará dende primeiras horas da mañá e incluirá actividades para toda a familia, como inchables, obradoiros, festa da escuma, paseos en ponis e xogos tradicionais como o tute. O apartado gastronómico tamén terá o seu protagonismo, cun xantar popular.

No eido artístico, haberá espectáculos para todos os públicos. Os Desastronauts traerán a súa proposta "Somos Circo", e tamén actuará o recoñecido Mago Antón, que celebra os seus 50 anos sobre os escenarios (1975-2025).

Xa pola noite, a música será a protagonista na verbena familiar, coa participación de Xilo & Carlos e Paco Lodeiro, así como o dúo Noly & Alejandra, da mítica orquestra Los Satélites. A animación completarase coa presenza da charanga NBA e do grupo de gaitas e baile do Concello de Abegondo.

O evento promete ser unha xornada de convivencia e entretemento nun entorno natural e acolledor, reafirmando o compromiso do concello co ocio familiar de calidade.

⚙ Configurar cookies
0.15885210037231