Abegondo celebrará o Entroido o 15 de febreiro cun desfile, concurso de disfraces e música en directo

O municipio de Abegondo celebrará o Entroido o domingo 15 de febreiro cunha ampla programación festiva que terá como eixos centrais o tradicional desfile de disfraces, un concurso con diferentes categorías e a actuación musical de Carlos Manteiga. As actividades desenvolveranse no Campo da Feira e no pavillón polideportivo.
O desfile dará comezo ás 18.30 horas e irá seguido do concurso de disfraces, que contará con catro categorías: individual ou por parellas, grupos, comparsas e un premio especial á orixinalidade. Ademais, a xornada completarase con obradoiros e inchables para a cativada, co obxectivo de favorecer a participación familiar.
No apartado de premios, o certame contempla importantes dotacións económicas. Na categoría individual ou por parellas repartiranse premios de 100 e 50 euros; nos grupos, de 300, 200 e 100 euros; e nas comparsas, de 800, 500 e 300 euros. O premio especial á orixinalidade estará dotado con 100 euros.
Como novidade desta edición, e co fin de fomentar a implicación da veciñanza, establécese un accésit local dirixido a grupos e comparsas formadas por, polo menos, un 50 por cento de persoas empadroadas en Abegondo. Este recoñecemento consistirá nunha achega de 50 euros para os grupos e de 100 euros para as comparsas.
As persoas interesadas en participar e optar aos premios deberán formalizar a súa inscrición antes das 20.00 horas do propio día 15 na Casa do Concello. Ademais, como vén sendo habitual, todas as persoas empadroadas que acudan disfrazadas e estean previamente inscritas recibirán un agasallo.