Abegondo celebra o talento local coa entrega dos premios do Certame Cultural das Letras Galegas

ACoruñaXa
Unha iniciativa que busca poñer en valor as distintas expresións culturais e fomentar a súa práctica entre a cidadanía
abeg-certame
13 Jul 2025

O Concello de Abegondo recoñeceu o talento artístico e literario da súa veciñanza coa entrega dos galardóns do Certame Cultural das Letras Galegas, unha iniciativa que busca poñer en valor as distintas expresións culturais e fomentar a súa práctica entre a cidadanía.

O acto celebrouse no salón de plenos, onde os e as participantes recibiron os seus premios nas diferentes modalidades: narrativa, debuxo, pintura e poesía. A organización estableceu varias categorías por idades, desde infantil ata adultos, repartindo un total de 2.000 euros en premios, adaptados a cada grupo.

“É un orgullo ver unha participación tan grande neste certame”, destacou o alcalde, José Antonio Santiso, durante a entrega dos recoñecementos.

Na categoría Infantil (3 a 6 anos), o protagonismo foi para as artes plásticas. Ariadna Medían acadou o primeiro premio e Álvaro Julien o segundo, ambos na modalidade de debuxo e pintura.

En Primaria, na disciplina de narrativa, o conto “A pandeireta perdida”, de Hiar Fernández, obtivo o primeiro premio, mentres que Iván Centeno quedou en segundo lugar con “As estrelas doutro lado”. O accésit foi para Noa Pedreira por “Ranila e a fábrica”. Na modalidade de poesía, o primeiro premio foi para Vera Piñeiro, autora de “Cantareiras”; o segundo, para Estela Martínez con “Letras Galegas”, e o accésit recaeu en Max Lens polo poema “Porque a lebre saltou”.

Na categoría de Secundaria, o xurado recoñeceu a Daniela Seoane co premio de narrativa polo seu relato “Teño o teu cadáver” e a Carla Barros co premio de poesía polo texto “Cantareiras galegas”.

A categoría de adultos tamén tivo os seus galardoados: Manuel Seijo foi premiado pola súa narración “Moncha a cotorra” e Alba Sánchez pola poesía “Entre cantigas”.

O Concello de Abegondo tamén quixo poñer en valor o hábito lector da veciñanza, premiando ás mellores lectoras das bibliotecas municipais. Así, Vera Piñeiro foi recoñecida como a mellor lectora do CEIP San Marcos, Cristhin Andrea Ramírez do IES Viós, e María Jesús Cancela da Biblioteca Pública Municipal de Abegondo. Cada persoa participante recibiu, ademais do premio, un diploma conmemorativo. Os asistentes ao acto levaron tamén como recordo unha cunca co lema “Abegondo en galego”.

O Certame Cultural das Letras Galegas está promovido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello e conta co apoio económico da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.15593314170837