Abegondo celebra o Día do Libro agasallando lecturas a veciñas e veciños de todas as idades

Abegondo súmase esta semana á celebración do Día Internacional do Libro cunha iniciativa que xa se converteu nunha tradición no municipio: o agasallo de libros á veciñanza. Todas aquelas persoas que se acheguen á Casa do Concello ou á Biblioteca Municipal poderán levar para casa un exemplar de balde, como forma de conmemorar esta data e de fomentar o hábito da lectura.
O Concello instalará durante toda a semana dous postos, un en cada unha das dúas dependencias municipais, nos que estarán dispoñibles títulos pertencentes a diferentes xéneros literarios e pensados para públicos de todas as idades. Desde contos infantís ata novela contemporánea, a proposta busca achegar a literatura ao conxunto da cidadanía.
Trátase dunha actividade xa consolidada dentro da programación cultural do Concello de Abegondo e que, ano tras ano, conta cunha excelente acollida entre a veciñanza. O obxectivo, como sinalan desde o consistorio, é claro: "crear un vínculo positivo coa lectura e fomentar o acceso ao libro como ferramenta de aprendizaxe, entretemento e reflexión".
Neste contexto, o Concello vén de recibir unha axuda da Xunta de Galicia por un importe de 3.113,73 euros. Esta contía irá destinada á ampliación do fondo bibliográfico da Biblioteca Municipal, coa incorporación de novas obras e, especialmente, das últimas novidades editoriais en lingua galega. Con esta actuación, a administración local busca reforzar o papel da biblioteca como espazo vivo e actualizado ao servizo da comunidade.