Abegondo anuncia un recurso de alzada contra a autorización estatal para a subestación eléctrica de Folgoso

ACoruñaXa
O Concello expresa o seu profundo malestar pola decisión do Ministerio e insiste en que o proxecto carece de consenso social e terá un impacto ambiental severo
Subestación eléctrica As Portas
25 Nov 2025

O Concello de Abegondo presentará un recurso de alzada fronte á resolución publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado que autoriza a instalación dunha subestación eléctrica na parroquia de Folgoso. A decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica dá luz verde á solicitude de Red Eléctrica Española, desestimando as alegacións formuladas polo goberno local e avaladas pola corporación e pola veciñanza.

O alcalde, José Antonio Santiso, trasladou o profundo malestar do municipio ante un proxecto que, segundo sinala, non conta cunha xustificación clara, carece de respaldo social e suporía un impacto ambiental severo. Lembra, ademais, que a planificación inicial da compañía (2015–2020) concibía esta actuación para reforzar o subministro eléctrico da cidade da Coruña, mentres que agora se vincula á alimentación do AVE e á evacuación da enerxía xerada por varios parques eólicos, enerxía que se derivaría cara As Pontes, a moita distancia de Abegondo.

O Concello advirte que empregará todos os mecanismos ao seu alcance para frear a construción da infraestrutura. Se o recurso de alzada non prospera, o goberno municipal ten previsto presentar un contencioso administrativo contra a autorización estatal, lembrando que existen precedentes xudiciais favorables en materia de parques eólicos que poderían resultar aplicables.

Santiso expresa tamén a súa preocupación polas posibles afeccións das futuras liñas de evacuación asociadas aos parques eólicos que o Estado prevé conectar coa subestación. O Concello avanza que, no caso de iniciarse as obras, aplicará con máxima rigorosidade todos os preceptos da normativa municipal.

'Non imos parar. Recorreremos a todas as vías ata a última instancia para evitar esta infraestrutura en Abegondo', conclúe o alcalde.

⚙ Configurar cookies
0.073091983795166