Abegondo agarda reunir máis de 2.000 persoas no seu Día da Familia en Beche

ACoruñaXa
Unha cita xa consolidada no calendario local e comarcal, que nesta ocasión prevé bater récords de asistencia
berg-familia
10 Jul 2025

O Concello de Abegondo celebrará este domingo, 13 de xullo, unha nova edición do seu Día da Familia, unha cita xa consolidada no calendario local e comarcal, que nesta ocasión prevé bater récords de asistencia. O embalse de Beche acollerá a máis de 2.000 persoas nunha xornada que combinará gastronomía, espectáculos, xogos infantís e verbena.

O alcalde, José Antonio Santiso, salientou a importancia do evento tanto a nivel social como participativo: "que o noso Día da Familia é xa unha cita imperdible non só para os veciños e veciñas de Abegondo, senón tamén para os doutros concellos da contorna".

A comida popular, prevista para as 14.00 horas, será un dos momentos centrais da xornada. Só coa inscrición para o xantar, xa se prevé alcanzar as 2.000 persoas participantes. Con todo, o rexedor explica que "hai moitas que aínda non tendo reservada mesa se achegan a Beche e traen o seu propio xantar e tamén hai outras que se suman ás actividades da tarde".

A partir das 15.30 e ata as 19.30 horas, desenvolveranse as actividades lúdicas infantís, que incluirán obradoiros, inchables, paseos en poni e unha festa da escuma. Ademais, haberá dous espectáculos: Desastronauts, da compañía Somos Circo, e varios pases da función 50 (1975–2025) do Mago Antón.

A programación completarase cun campionato de tute, que comezará ás 16.30 horas, e unha verbena que dará comezo unha hora máis tarde, con actuacións de Xilo & Carlos, Paco Lodeiro e Noly & Alejandra, da orquestra Los Satélites. A música tradicional tamén estará presente co Grupo de Gaitas e Baile de Abegondo e a Charanga NBA.

O Concello organiza esta celebración coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia.

 

⚙ Configurar cookies
0.089798927307129