Abegondo acorda coa Xunta máis de 600.000 euros para renovar a AC-542 entre Abegondo e Presedo

ACoruñaXa
As obras executaranse por treitos en dúas anualidades e o Concello avanza o visto e prace autonómico ao saneamento de Crendes, valorado en arredor dun millón de euros
ABEGONDO ac-542
26 Sep 2025

O alcalde, José Antonio Santiso, anunciou no pleno ordinario un acordo coa Xunta de Galicia para acometer a mellora integral da estrada AC-542, que conecta Abegondo e Presedo. A intervención, cun investimento superior a 600.000 euros, executarase por treitos e en dúas anualidades: primeiro entre Abegondo e Cerneda e, nunha segunda fase, entre Cerneda e Presedo, tramo que coincide co Camiño Inglés. O rexedor subliñou que os traballos permitirán reforzar a seguridade viaria nunha das arterias principais do municipio.

Durante a sesión, Santiso informou ademais de que a Xunta emitiu informe favorable ao proxecto municipal de saneamento en Crendes. A actuación, que ronda o millón de euros, conta con todos os informes sectoriais positivos e fica pendente da disposición orzamentaria por parte do Goberno autonómico, que asumirá a contratación das obras.

O pleno respaldou así mesmo a modificación do POS+ Adicional (2ª fase) da Deputación da Coruña relativa á pavimentación de varios camiños na parroquia de Mabegondo. Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Alberto Seoane, os cambios afectan tanto ao orzamento como ao ámbito de actuación, que se amplían respecto do proxecto orixinal para atender máis vías e mellorar o seu estado de conservación.

⚙ Configurar cookies
0.10287404060364