Abegondo acollerá un campamento dixital de Semana Santa para nenos e nenas de 9 a 11 anos

ACoruñaXa
O obxectivo principal da actividade é fomentar un uso seguro, responsable e creativo das novas tecnoloxías
cemit-abegondo
8 Apr 2025

A Aula CeMIT de Abegondo, situada na Casa do Concello, abrirá as súas portas durante as vacacións de Semana Santa cun campamento dixital gratuíto dirixido a nenos e nenas de entre 9 e 11 anos. A iniciativa, promovida por Ciber Voluntarios en colaboración co Concello, desenvolverase do luns 14 ao mércores 16 de abril en horario de 10.00 a 14.00 horas.

O obxectivo principal da actividade é fomentar un uso seguro, responsable e creativo das novas tecnoloxías. Os participantes recibirán formación práctica sobre temas como a busca de información en internet, a creación de contrasinais seguras, a protección dos datos persoais ou a verificación de noticias.

Tamén se abordará o uso consciente das redes sociais, con especial atención ás normas de comportamento, a prevención do ciberacoso e a importancia dunha presenza dixital respectuosa e segura. As prazas son limitadas e a inscrición pode realizarse enviando un correo electrónico a cemit.abegondo@xunta.gal ou chamando ao teléfono 981 647 909.

De igual forma, o Concello de Abegondo mantén un programa continuado de alfabetización dixital a través da Aula CeMIT. Como exemplo, o pasado mes de marzo celebrouse a xornada “A Administración preto de ti”, na que persoal da Subdelegación do Goberno informou á veciñanza sobre as vantaxes e ferramentas da administración electrónica.

Durante o evento, os asistentes tiveron a oportunidade de obter in situ un certificado electrónico emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, unha ferramenta clave para xestionar trámites coa totalidade das administracións públicas.

⚙ Configurar cookies
0.14178109169006