Abegondo acolle este domingo o espectáculo ‘Cabaré Climático’ con teatro futurista e música en directo

O Concello de Abegondo ofrecerá este domingo 16 de novembro unha nova proposta cultural co espectáculo ‘Cabaré Climático’, unha montaxe teatral de estética futurista que combina humor, música en directo e reflexión sobre o impacto ambiental. A representación terá lugar no Centro Cultural O Salón a partir das 19.00 horas e estará aberta ao público de forma gratuíta ata completar o aforo.
A obra, producida pola compañía VasRir, sitúanos no ano 2075, nun mundo no que o cambio climático xa é unha realidade consumada e condiciona a vida cotiá. A través de números de cabaré, gags cómicos e cancións, a peza amosa como o quecemento global inflúe nas relacións persoais, nas parellas e mesmo no carácter das persoas, convidando ao público a preguntarse que pasaría se non mudamos os nosos hábitos. Todo isto faise cun ton distendido, empregando o humor e a música como ferramentas para provocar a reflexión sen renunciar á diversión.
A actividade forma parte da programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña, que impulsa a chegada de proxectos escénicos a diferentes concellos da provincia. A obra está dirixida a un público xeral e combina teatro, música e interacción cos asistentes.
As persoas interesadas poden reservar praza previamente a través do teléfono 981 647 909 ou enviando un correo electrónico a cultura@abegondo.gal. O Concello anima á veciñanza a participar e a gozar dunha tarde de teatro diferente, divertida e con mensaxe.