Abegondo abrirá o novo curso cunha ampla programación cultural e deportiva para todas as idades

ACoruñaXa
O Concello incorpora novidades como máis prazas en actividades de conciliación e novos espazos para talleres, ademais de actualizar as tarifas tras anos sen revisión
ABEGONDO actividades
30 Aug 2025

O Concello de Abegondo presentou a súa programación cultural e deportiva para o curso 2025-2026, que incluirá un amplo catálogo de propostas pensadas para veciños e veciñas de todas as idades. As inscricións abriranse a comezos de setembro.

A convocatoria chega con varias novidades. Entre elas, a ampliación de prazas en actividades moi demandadas, como as de conciliación familiar e os obradoiros de costura. Ademais, o recinto de Os Loureiros incorporarase como novo espazo para desenvolver talleres de cociña, ampliando así a oferta dispoñible. O Concello anunciou tamén unha actualización das tarifas dalgunhas actividades, xa que as actuais permanecían conxeladas desde hai anos e non se correspondían co custo real do servizo debido á suba de prezos.

A programación deportiva municipal estará dirixida a todas as idades. Os máis pequenos poderán practicar atletismo, fútbol sala, ballet, baile, patinaxe ou hípica, mentres que a veciñanza adulta disporá de propostas como crossfit, microentrenamentos en grupos reducidos, pilates, hit-core, yoga, zumba ou aeróbic. O programa complétase con saídas de sendeirismo e rutas en BTT.

No eido cultural, inclúense actividades extraescolares de mediodía como manualidades, pintura, teatro ou informática. As escolas municipais ofertarán cursos abertos a todas as idades de costura, ganchillo, bolillo, artes escénicas, mindfulness, curtametraxes, talleres florais, fotografía, tapicería ou maxia. Un dos piares volverá ser a Escola Municipal de Música, cunha ampla gama de instrumentos e materias como linguaxe musical, harmonía, música activa ou curso de DJ.

⚙ Configurar cookies
0.20669412612915