Abegondo abre o prazo das bolsas de estudo para o curso 2025-2026

O Concello de Abegondo ten xa aberto o prazo para solicitar as bolsas municipais de estudo do curso 2025-2026. A convocatoria contempla dúas modalidades: axudas para a escolarización (destinadas á compra de material en infantil, primaria e secundaria) e axudas aos desprazamentos con fin escolar (pensadas para o alumnado de bacharelato, formación profesional, estudos universitarios e outras ensinanzas posobrigatorias).
Poderán optar ás axudas as persoas empadroadas en Abegondo que realicen estudos oficiais no curso 2025-2026 e cumpran os requisitos recollidos nas bases. Entre eles figura estar empadroado no municipio cunha antigüidade mínima de seis meses no último día do prazo de presentación. A concesión tramítase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas bases publicadas.
As solicitudes preséntanse a través da sede electrónica municipal, onde tamén está dispoñible toda a información, anexos e modelos oficiais. A convocatoria especifica os prazos de xustificación dos gastos (material escolar no caso de escolarización e títulos de transporte ou xustificantes no caso de desprazamentos), que deberán achegarse conforme ás datas e condicións detalladas na documentación.