Abegondo abre o luns a inscrición para o concurso de disfraces do Entroido

O Entroido volverá encher Abegondo de ambiente festivo o domingo 15 de febreiro cun programa pensado para todos os públicos e centrado na tradición, a animación e a diversión. A xornada arrancará ás 18.30 horas co tradicional desfile, que levará cor, creatividade e música polas rúas do municipio.
Tras o percorrido celebrarase o concurso de disfraces, no que se repartirán premios en catro categorías: individual ou por parellas, grupos, comparsas e un premio especial á orixinalidade. Na modalidade individual/parellas haberá un primeiro premio de 100 euros e un segundo de 50 euros. Para os grupos establécense tres galardóns de 300, 200 e 100 euros. No apartado de comparsas, os premios serán de 800, 500 e 300 euros. O recoñecemento á orixinalidade está dotado con 100 euros.
Como novidade nesta edición, o Concello entregará un accésit para incentivar a participación local: irá destinado a grupos e comparsas nas que, como mínimo, o 50% dos integrantes estean empadroados en Abegondo. Este extra será de 50 euros para os grupos e de 100 euros para as comparsas.
O prazo para anotarse abrirase o luns 26 de xaneiro e permanecerá dispoñible ata o propio 15 de febreiro ás 20.00 horas, na Casa do Concello. Ademais, como cada ano, as persoas empadroadas que acudan disfrazadas e estean inscritas recibirán un agasallo municipal.
A programación completarase durante a tarde con obradoiros e inchables para a rapazada, e o peche musical correrá a cargo de Carlos Manteiga cun concerto.