A XXXV Feira do Mel de Oleiros reunirá a 45 apicultores galegos o domingo 9 de novembro

ACoruñaXa
O evento celebrarase na pista polideportiva de Perillo e contará con música tradicional e produtos de mel de toda Galicia
OLEIROS mel
3 Nov 2025

O vindeiro domingo 9 de novembro, entre as 10.00 e as 15.00 horas, celebrarase a XXXV Feira do Mel na pista polideportiva de Perillo, situada na avenida da II República. Nesta edición participarán 45 apicultores galegos que achegarán os seus produtos para expoñer e vender.

As persoas que se acheguen a esta cita poderán atopar unha ampla variedade de produtos relacionados co mel, desde os máis tradicionais ata artigos de beleza e coidado corporal elaborados con este ingrediente natural.

A programación inclúe tamén actuacións musicais: ás 12.00 horas será a quenda do grupo de Gaitas e Cantareiras Semente Nova, mentres que ás 13.00 horas ofrecerá un concerto a Banda Municipal do Concello de Oleiros.

Este ano ampliouse o número de invitacións para favorecer a participación de apicultores e apicultoras das zonas máis afectadas polos incendios forestais que devastaron parte dos montes de Lugo e Ourense.

O Concello de Oleiros subliña que esta feira, única en Galicia, busca apoiar un sector produtivo que se enfronta aos retos da globalización, aos cambios nos hábitos alimentarios e á ameaza constante da avespa velutina.

⚙ Configurar cookies
0.091306924819946