A XXXII Feira de Cans de Caza do Mesón do Vento firmou “a mellor edición dos últimos anos”

O Mesón do Vento viviu unha nova edición da súa xa consolidada Feira de Cans de Caza, que celebrou a súa trixésimo segunda entrega cun balance moi positivo. Así o destacou Manolo Mesía, principal organizador do evento, quen cualificou esta edición como “a mellor dos últimos anos”.
A cita, que se desenvolveu no campo da feira da localidade ordense, contou coa presenza de preto dun millar de cans procedentes de diferentes puntos de Galicia e do noroeste peninsular. En total, instaláronse máis de 170 xaulas para expoñer os exemplares participantes.
Entre os recoñecementos máis destacados da xornada do domingo figuran a mellor reala, que chegou dende Xinzo de Limia da man de Jonathan García, e o premio ao mellor grifón vendeano, que recaeu no leonés Carlos Valiñas. Ademais, Óscar foi distinguido pola mellor camada de caza maior con exemplares de Abegondo, mentres que os beagles de Abeleira foron elixidos como a mellor camada de caza menor. Pola súa banda, o braco alemán do vigués Jonathan Cano alzouse co galardón ao mellor exemplar da súa raza.
A actividade comezara xa o sábado co V Campionato de Caza con Cans de Rastro Memorial Jorge Rivas, no que tomaron parte preto de 80 persoas. O pontevedrés Antonio Sánchez, acompañado do seu can Chico, obtivo o primeiro posto tras acadar 251 puntos. A segunda e terceira posición foron para Cristóbal Cacheda (246 puntos) e Miguel Ángel Rey (240 puntos). En canto á categoría de montañeiros locais, Miguel Prieto, co seu can Yo, foi o mellor clasificado con 152 puntos, seguido de Xavi Botana con Blanca (148) e César Tojo con Rumbo (136).
Como vén sendo habitual, a feira estivo acompañada dunha animada oferta de postos de artesanía, produtos gastronómicos e material de caza. Os bares e restaurantes da zona sumáronse tamén á festa, ofrecendo menús e degustacións baseadas en carne de caza, completando así unha fin de semana con gran participación e ambiente cinexético no Mesón do Vento.