A XVII edición da C21 quenta motores para a súa celebración

A cidade da Coruña prepárase para acoller, este domingo 9 de marzo, unha nova edición da C21, unha das probas deportivas máis esperadas do ano. O evento contará con máis de 1.900 persoas inscritas no medio maratón, ás que se sumarán todas aquelas que participarán na carreira de 5K, que complementa á proba principal e que tamén reunirá unha ampla participación. O punto de partida do medio maratón será o Obelisco, ás 9.30 horas.
As e os atletas que participen nas probas deste domingo poderán recoller a súa camiseta, xunto co dorsal e a bolsa de corredor, no quinto andar do Corte Inglés da Coruña (rúa Ramón y Cajal, 57), onde está situado o departamento de Deportes. O horario de recollida habilitarase tanto este venres 7 (17.00 a 22.00 horas) como o sábado 8 (10.00 a 22.00 horas). Ademais, tamén se poderán recoller o propio día da carreira, desde as 8.30 horas, na carpa que se habilitará no Obelisco ata os intres previos á proba.
Nesta edición da C21, como novidade, as persoas que crucen a meta poderán desfrutar da súa medalla de finisher da carreira, un recoñecemento ao esforzo, traballo e superación persoal que supón a realización do medio maratón.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, destacou as boas cifras de inscrición rexistradas nesta nova convocatoria da C21, na que competirán atletas galegos e tamén chegados desde outros puntos do país, como Asturias, Euskadi, Castela e León, Andalucía, Catalunya e Madrid.