A XVI San Silvestre da Coruña suma xa máis de 3.000 inscritos

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, deu a coñecer este martes no Salón Real do Palacio Municipal os detalles da XVI edición da San Silvestre Coruña, que volverá despedir o ano o vindeiro 31 de decembro. Na presentación participaron tamén o organizador da proba, David Iglesias; o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira; representantes das entidades colaboradoras e patrocinadoras, así como membros do CPA Maxia, club que será homenaxeado nesta edición.
A cita, que supera xa os 3.000 corredores inscritos, mantén o seu carácter popular e aberto a todas as idades. Entre as persoas anotadas destaca a elevada participación feminina —un 43 %—, así como a presenza de menores de entre 3 e 12 anos e de corredores maiores de 70. Ademais das categorías infantís e absolutas, o evento inclúe modalidades como Marcha Nórdica, equipos de empresa e mesmo a CanSilvestre, pensada para quen desexe correr acompañado dos seus cans.
A proba reforza tamén a proxección turística da cidade, xa que máis do 15 % dos participantes proceden de fóra da provincia e rexístranse inscricións doutras comunidades autónomas e de máis de 30 países, entre eles Italia, Venezuela, Irlanda, México, Afganistán, China, Francia ou Estados Unidos.
Como novidade, a programación incorpora este ano a I Regata San Silvestre Coruña, que se celebrará o 28 de decembro en colaboración co Real Club Náutico. A carreira forma parte, ademais, dos eventos deportivos subvencionados polo Concello, no marco do apoio ao deporte base, á inclusión e aos hábitos de vida saudables.
Durante o acto, a alcaldesa destacou que “a San Silvestre representa como poucas actividades o espírito da Coruña: unha cidade aberta, participativa e solidaria, que vive o deporte como un espazo de encontro e celebración colectiva”. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, subliñou “o traballo conxunto de clubs, entidades e patrocinadores, que converten esta cita nun exemplo de cohesión social, participación e saúde”.
A homenaxe deste ano recaerá no CPA Maxia, club de patinaxe artística con máis de tres décadas de traxectoria e múltiples logros autonómicos e estatais. Entre os seus éxitos máis recentes figuran Marta Fraga, campioa da Copa de Europa en categoría cadete, e Martina Alonso, subcampioa en infantil.
A San Silvestre mantén tamén a súa vertente solidaria. Nesta edición colaborará con Reis Magos de Verdad, a Cociña Económica a través da Asociación O Silbato, a asociación Bolboretas e o Club Auga Dragon Boat, en apoio a mulleres afectadas por cancro de mama.
O Concello anima a toda a cidadanía a participar nunha carreira xa arraigada no calendario local, que combina deporte, solidariedade e orgullo coruñés para despedir o ano.