A XVI Baixada Popular de San Pedro de Visma volverá ás rúas o 11 de maio

ACoruñaXa
A xornada deportiva enmárcase na terceira cita do circuíto Coruña Corre
corunha-corre-san-pedro
3 May 2025

A XVI Baixada Popular de San Pedro de Visma está a piques de celebrarse, concretamente o vindeiro 11 de maio, converténdose na terceira cita do circuíto Coruña Corre. Unha xornada deportiva aberta a todos os públicos que, como cada ano, promete unha experiencia única para os participantes.

A inscrición para a carreira está aberta ata este domingo 4 de maio ás 23.59 horas, polo que as persoas interesadas aínda están a tempo de apuntarse. O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, animou á cidadanía a sumarse á proba: “unha das máis atractivas do calendario pola configuración do trazado, con subida e percorrido polo parque de Bens, combinando asfalto e sendas de terra”.

A carreira terá unha distancia de case 6,5 quilómetros, cun punto de control no quilómetro 3,6, e a partir do quilómetro 5, os e as participantes empezarán o descenso pola estrada de Mazaído a Visma, chegando á meta na recta principal de San Pedro de Visma.

Como é habitual, a saída terá lugar no cruzamento entre as rúas San Pedro de Visma e Aguillón, na contorna do centro cívico municipal. A categoría absoluta dará comezo ás 10.00 horas, mentres que a partir das 11.15 horas empezarán as saídas progresivas das categorías inferiores, desde a sub-18 ata os máis pequenos.

As persoas interesadas en participar, tanto nas categorías absolutas como nas inferiores, poden inscribirse a través da páxina web de Coruña Corre.

⚙ Configurar cookies
0.14736294746399