A xustiza dálle a razón ao Concello de Culleredo nas obras de impermeabilización da Praza de Galicia

ACoruñaXa
Desestima o recurso interposto pola Comunidade de Propietarios dos garaxes da Praza de Galicia, en O Burgo
culleredo
15 Feb 2025

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 vén de emitir un auto que desestima o recurso interposto pola Comunidade de Propietarios dos garaxes da Praza de Galicia, en O Burgo, no que cuestionaban os traballos de impermeabilización e esixían unha nova proba de estanqueidade.

A xuíza sinala que o recurso da Comunidade "carece de fundamentación xurídica algunha", polo que "mantén en todos os seus extremos" a providencia do 31 de xullo de 2024. Nela, o Contencioso avala as probas contratadas polo Concello á empresa Applus, ao ser "de acreditado prestixio e independente das partes".

Con esta resolución, queda acreditado técnica e xuridicamente que o Concello de Culleredo arranxou a cuberta da Praza de Galicia e que o resultado é o correcto. Así o reflicte Applus no seu informe: "Tras a execución da proba da cuberta especificada e ante a non aparición do trazador colorante nas augas de filtracións existentes na planta inferior, pódese concluír que os resultados da comprobación de estanqueidade demostran que as infiltracións detectadas non se producen na impermeabilización da cuberta, polo que poden ser consideradas satisfactorias para a mesma".

Deste xeito, as filtracións de auga que padece o garaxe trala obra proceden doutro orixe. Co obxectivo de colaborar na busca da causa, o Concello propuxo a instalación de dispositivos de recollida e control de aforo. Porén, esta proposta foi rexeitada pola Comunidade.

Agora, o Xulgado autoriza estas novas operacións: "Acórdase autorizar ao Concello de Culleredo a instalar os dispositivos de recollida e control de aforo co obxectivo de confirmar a orixe das filtracións que aínda persisten". Con esta autorización, e desestimado o recurso da Comunidade, o Concello procederá agora a contratar estas novas probas.

PETICIÓN A TELEFÓNICA

O Concello dispón de diferentes informes técnicos que contemplan posibles procedencias das filtracións. A firma Galaicontrol supervisou os traballos realizados na unión da praza coa Avenida de Galicia e coa rúa Alexandre Bóveda, puntos que presentaban un mal estado de impermeabilización. No seu informe, a empresa apunta que: "As citadas entradas de auga nas xuntas de dilatación da cuberta poden deberse a defectos construtivos orixinarios da construción do parking".

Pola súa banda, a empresa de auga Gestagua descartou nas súa avaliacións que a procedencia da auga fose das redes de abastecemento ou saneamento. No seu informe indicou que: "No subsolo da contorna da Praza de Galicia hai unha importante presenza de auga subterránea de orixe natural, proba disto é que a galería dunha empresa de telecomunicacións que discorre pola Rúa Alexandre Bóveda permanece anegada de auga durante todo o ano". Ante esta situación, o Concello xa notificou a Telefónica para que proceda a bombear a auga da súa galería, co obxectivo de comprobar se as filtracións poden ter a súa orixe alí.

O goberno municipal manifesta a súa "total disposición" para atender calquera suxestión ou dúa que poidan ter os cidadáns e actuar na Praza de Galicia dentro das súa competencias. Por iso, está a seguir de forma escrupulosa os ditames das empresas especializadas no sector e as resolucións xudiciais.

Neste sentido, lamenta a "demagoxia e intoxicación" que están levando a cabo determinados grupos políticos polas súa aspiracións electorais, "en lugar de actuar co rigor e seriedade que merecen os veciños da Praza de Galicia".

0.15935611724854