A Xustiza condena o Sergas por obrigar a facer gardas durante a lactancia e recoñece discriminación por sexo

O Xulgado do Social nº 2 da Coruña vén de dar a razón ao Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña e condena ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) por denegar a unha facultativa a exención de gardas durante o período de lactancia. A resolución impón ao Sergas o pagamento dunha indemnización de 3.000 euros polos danos e prexuízos causados.
Segundo a sentenza —que aínda non é firme— a actuación do Sergas vulnerou o dereito fundamental á igualdade e á non discriminación por razón de sexo, ao obrigar a doutora a asumir quendas de garda malia terse solicitado a súa retirada destas tarefas mentres alimentaba o seu bebé. O fallo tamén considera que o Sergas incumpriu a Lei de Prevención de Riscos Laborais ao non adaptar as condicións de traballo.
O órgano xudicial recalca que este caso ten especial relevancia porque a presenza de mulleres médicas no Sergas é cada vez maior, tanto na atención primaria como na hospitalaria, e moitas delas incorpóranse ao posto de traballo en idade fértil. O ditame subliña que ‘existe unha xeneralidade que debe ser especificamente valorada’, isto é, que o risco ligado á lactancia non pode tratarse como algo illado nin excepcional, aínda que logo se analicen as circunstancias persoais de cada profesional.
O tribunal lembra tamén que xa hai pronunciamientos previos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nos que se estudou o impacto da lactancia materna exclusiva en relación co desempeño de gardas de 17 e 24 horas. Nesas resolucións recoñécese que ‘existe un risco específico para a nai e para o fillo lactante’. Ese risco pode afectar ao benestar do recentemente nacido, que pode ‘verse privado de todos os beneficios asociados á lactancia natural polas condicións en que a nai exerce o seu traballo’. Aquelas sentenzas remarcan que o empresario —neste caso a administración sanitaria— está obrigado a avaliar o risco e a adaptar o horario.
A sentenza agora coñecida reforza esa liña: as gardas prolongadas e o traballo nocturno xeran unha importante fatiga e unha elevada carga de estrés en todo o persoal sanitario, con independencia do sexo. Porén, o impacto é especialmente intenso cando a profesional está amamantando tras reincorporarse ao seu posto. Neste contexto, as quendas de noite e as gardas continuadas poden afectar tanto á produción de leite materna como á capacidade de amamantar, dificultando a lactancia e xerando consecuencias negativas tanto para o bebé como para a nai.
O Colexio de Médicos valorou este pronunciamento como un paso máis no recoñecemento da necesidade de protexer a saúde laboral das profesionais sanitarias en período de lactancia e advertiu de que o Sergas debe permitir a exención de gardas nocturnas e de longa duración cando exista este risco.