A Xunta supervisa na Coruña a instalación de fachadas industrializadas nun inmoble de 40 vivendas públicas en Xuxán

ACoruñaXa
As vivendas sortearanse o 16 de xaneiro en réxime de alugueiro, cun 40% reservadas a menores de 36 anos, nunha actuación cun investimento de 7,7 millóns de euros
A CORUÑA fachada xunta
17 Dec 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou este mércores as obras dun inmoble de 40 vivendas de promoción pública que se constrúe no barrio coruñés de Xuxán. Durante a visita, Allegue supervisou o inicio da instalación das fachadas industrializadas, unha técnica innovadora que permite reducir prazos de execución e mellorar a eficiencia e a seguridade na obra.

O edificio, situado na parcela Z13 de Xuxán, é un dos nove promovidos polo Goberno galego nos que se aplican sistemas de construción industrializada. As fachadas, fabricadas en taller por unha empresa galega, comezaron a colocarse tras a finalización da estrutura, que tamén se executou con pezas prefabricadas.

A conselleira avanzou que a Xunta vén de iniciar o procedemento de adxudicación destas 40 vivendas en réxime de alugueiro accesible. O sorteo celebrarase o vindeiro 16 de xaneiro entre as persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia na cidade da Coruña. Do total de fogares, un 40% estarán reservados para menores de 36 anos.

A actuación conta cun investimento total de 7,7 millóns de euros, dos que 1.968.800 euros proceden de fondos europeos. Segundo explicou Allegue, o uso de elementos prefabricados permite construír con maior rapidez mantendo todas as garantías de calidade, ademais de facilitar a montaxe ao non precisar andamios, mellorando así a seguridade laboral e as condicións de control e limpeza. O inmoble acadará a máxima cualificación de eficiencia enerxética.

A titular de Vivenda lembrou tamén que a Xunta aposta de forma decidida pola construción industrializada, motivo polo que está a traballar nun Plan Director da Construción Industrializada, que será elaborado pola Fundación Galicia Constrúe e o Clúster da Construción, e que incluirá un mapa das capacidades produtivas deste sector en Galicia.

Finalmente, Allegue salientou o compromiso do Goberno galego coa cidade da Coruña, onde están en marcha 210 vivendas de promoción pública, entre as 104 de Xuxán, as 99 promovidas en solos cedidos polo Concello nos Rosais, Rei Abdullah e Pedro Fernández, e outras 7 do Programa Rexurbe nas rúas San Andrés e Santa María. Ademais, no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, a Xunta impulsa o Proxecto de Interese Autonómico de Monte Mero, que permitirá desenvolver solo para 4.310 vivendas, das cales o 80% serán protexidas.

⚙ Configurar cookies
0.078715085983276