A Xunta saca a licitación os servizos de cafetería dos centros hospitalarios da Coruña
A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia o anuncio de licitación dos servizos de cafetería do Hospital Público da Coruña, do Hospital Marítimo de Oza, do Hospital Abente y Lago e do Centro de Especialidades do Ventorrillo por un valor estimado de 10.567.508 euros.
O contrato de servizo prevé unha duración de catro anos, coa posibilidade de prorrogarse durante un ano máis.
A razón deste expediente é satisfacer a prestación dos servizos de cafetería-comedor para o persoal destes centros, os seus usuarios, familiares e acompañantes dos pacientes que reciban asistencia nestas instalacións sanitarias.
As empresas interesadas en participar neste contrato de servizo poderán presentar as súas ofertas de xeito telemático na seguinte ligazón electrónica: Silex (conselleriadefacenda.es). O prazo para a achegar as ofertas estenderase até o vindeiro 16 de xullo ás 14.00 horas.
Co obxectivo de facilitar a elaboración das súas propostas, os interesados poderán visitar os locais e espazos obxecto da contratación, solicitándoo previamente mediante correo electrónico ao Servizo de Contratación da Área Sanitaria da Coruña e Cee: contratacion.asacec@sergas.es .