A Xunta reunirase con Concello e Deputación para definir o futuro dos murais de Urbano Lugrís

ACoruñaXa
O Diario Oficial de Galicia publicou a incoación do expediente para declarar os murais Ben de Interese Cultural (BIC)
Mural de Urbano Lugrís na Coruña
27 May 2025

A Xunta de Galicia vén de convocar oficialmente ao Concello da Coruña e á Deputación provincial a unha xuntanza que se celebrará o vindeiro mércores 4 de xuño na sede da Delegación territorial da Xunta na cidade herculina. O encontro ten como finalidade abordar de forma conxunta o futuro dos murais do artista Urbano Lugrís localizados nos números 25 e 27 da rúa Olmos.

Esta convocatoria dá cumprimento ao acordo aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o pasado mes de abril, no que se instaba ao Goberno galego a iniciar un proceso de diálogo coas administracións implicadas para garantir a conservación destas obras emblemáticas.

Na reunión participarán representantes da Xunta, do Concello e da Deputación, que analizarán o informe técnico de avaliación do estado dos murais. A partir deste diagnóstico, buscaranse solucións conxuntas para asegurar a súa protección e conservación, estudando tamén a creación dun espazo cultural que permita a súa valorización e difusión pública.

A Xunta de Galicia adquiriu recentemente estes murais exercendo o dereito de tanteo recollido na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, igualando a oferta de 36.000 euros realizada por un comprador particular. A operación foi xestionada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través do Xulgado Mercantil número 3 da Coruña. O obxectivo da Administración autonómica con esta adquisición é garantir a súa restauración e que as obras poidan ser accesibles para toda a cidadanía, preservando a súa unidade e permanencia na cidade.

Cómpre lembrar que, en marzo deste ano, o Diario Oficial de Galicia publicou a incoación do expediente para declarar os murais Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento. Esta declaración supón xa a súa protección inmediata. Os informes técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e do propio Concello destacaron a excepcional calidade e complexidade destas obras, únicas na produción de Lugrís como exemplo do seu dominio na decoración de interiores e no ámbito da composición artística.

Con este proceso, a Xunta dá un paso máis no seu compromiso de salvagardar o legado dun dos grandes nomes da arte galega do século XX e de garantir que as futuras xeracións poidan seguir gozando dun patrimonio tan singular.

⚙ Configurar cookies
0.15792798995972