A Xunta reúne os alcaldes da área para ordenar os desvíos polo corte das Xubias nas obras do CHUAC

ACoruñaXa
Oleiros pide máis presenza policial e un bus específico aos hospitais, Culleredo reclama derivar tráfico pola Terceira Rolda e A Coruña insiste en que a coordinación debe liderala a administración autonómica
A CORUÑA chuac curva
17 Mar 2026

A Xunta celebrou este martes, 17 de marzo, unha reunión informativa cos alcaldes da área metropolitana afectados polo corte total dun treito da avenida das Xubias entre o 30 de marzo e o 1 de abril, unha afección vinculada á demolición do actual viaduto de acceso ao CHUAC. Ao encontro foron convocados os rexedores de Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo, Bergondo, Abegondo, Sada e Carral, co obxectivo de trasladarlles de primeira man os desvíos previstos e as alternativas de circulación nunha operación que condicionará durante tres días un dos principais accesos á cidade.

Na reunión, a Axencia Galega de Infraestruturas explicou que o tráfico procedente da Ponte da Pasaxe terá que continuar por Alfonso Molina cara a Matogrande e Casablanca para chegar ao complexo hospitalario, mentres que os vehículos da AP-9 deberán seguir ese mesmo itinerario e os que entren pola AG-55 serán derivados por A Grela, o túnel de Eirís e a glorieta de Casablanca. Desde o centro da Coruña, a recomendación pasa pola estrada do porto. Ademais, habilitaranse cambios de sentido nos extremos do treito cortado, modificarase a circulación en rúas como Curramontes e Inés de Ben e manteranse as frecuencias e as paradas do transporte interurbano, aínda que os percorridos poderán alongarse uns dez minutos.

A reunión estivo marcada tamén pola preocupación pola coincidencia deste corte coas restricións aínda vixentes en Alfonso Molina, en especial pola falta de reapertura do ramal de San Cristovo. Os propios técnicos da Xunta recoñeceron que esa circunstancia pode tensionar aínda máis Matogrande e a entrada á cidade, malia que as datas escollidas coinciden cos días previos á Semana Santa, cando, segundo a DGT, o tráfico baixa arredor dun 20 % e non hai transporte escolar.

Entre as posicións dos concellos, Oleiros foi un dos máis concretos. O goberno local reclamou coordinación con Tráfico e presenza policial permanente en Alfonso Molina e na rotonda de Matogrande para actuar con rapidez ante calquera incidencia. Ademais, pediu que os buses sigan directos cara á cidade sen desvíos ao Materno nin ao CHUAC e propuxo crear un servizo especial circular entre A Pasaxe, o Materno e o hospital coruñés durante os tres días do corte.

Culleredo, pola súa banda, puxo o foco na necesidade de repartir os fluxos de entrada á Coruña para evitar que todo o tráfico recaia sobre Alfonso Molina. O alcalde, José Ramón Rioboo, sinalou a Terceira Rolda como principal alternativa para os condutores que cheguen desde O Burgo e Vilaboa e tamén apuntou á entrada sen peaxe da AP-9 en O Temple como opción para aliviar a presión sobre os accesos habituais. O Concello tamén defendeu reforzar a sinalización en puntos como a glorieta da Rocha e coordinar un operativo con policías locais e Garda Civil de Tráfico.

No caso da Coruña, a alcaldesa Inés Rey xa viñera reclamando nos últimos días que sexa a Xunta quen lidere a coordinación e a comunicación das alternativas, ao tratarse dunha actuación ligada ás obras do novo CHUAC. A rexedora coincidiu, iso si, en que a elección da Semana Santa era a opción menos lesiva para executar o corte, e insistiu en que o esencial pasa por sinalizar ben os desvíos e planificar con detalle a resposta metropolitana.

O Goberno galego asume xa que este corte como un problema de escala comarcal e non só coruñesa. O operativo inmediato concluirá o 2 de abril coa reapertura ao tráfico da avenida, pero as restricións na contorna do hospital e de Casablanca seguirán durante meses mentres avance a construción dos novos accesos.

0.11870813369751