A Xunta reivindica impulsar a vivenda e infraestruturas na Coruña nun encontro cos construtores

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron na Coruña un encontro con máis dun centenar de representantes do sector da construción, membros da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO) e de colexios profesionais do sector.
Allegue agradeceu a convocatoria cos construtores da Coruña, que cualificou como "fundamental para a cooperación entre as administracións e o sector", e invitou aos asistentes a colaborar man a man co Goberno galego para "ter o pulso a pé de obra".
A conselleira destacou o enorme esforzo licitador realizado ao longo dos 11 meses de lexislatura, con concursos que suman case 210 millóns de euros. Deste total, case 135 millóns corresponden a vivenda e preto de 76 millóns a infraestruturas. Unha cifra que reflicte o compromiso da Xunta para garantir o acceso á vivenda e mellorar a vertebración do territorio, favorecendo as comunicacións e a competitividade dos concellos.
Consciente das dificultades que afronta o sector, Allegue sinalou que a Xunta poñeu en marcha medidas para desburocratizar, mellorar a fiscalidade e axilizar os procesos de construción. A conselleira tamén destacou as modificacións que permiten acomodar o prezo dos módulos da vivenda protexida á realidade actual, co obxectivo de facilitar a construción.
A Xunta tamén fixo un chamamento á colaboración para alcanzar o reto de duplicar o parque público residencial en Galicia, cun obxectivo de chegar ás 8.000 vivendas. Actualmente, están en marcha máis de 2.000 vivendas en distintas fases de execución. Como novidade, a Xunta convocará de novo as axudas a promotores, que tamén incluirán a construción de vivendas en réxime de venda, cunha liña de fondos propios da Xunta.
A conselleira tamén anunciou a creación dunha sección no Observatorio da Vivenda para impulsar a industrialización da construción, e destacou a redacción dun plan de acción para potenciar o emprego de técnicas industrializadas na construción de vivendas.
En relación á provincia da Coruña, Allegue subliñou que a Xunta ten "esta provincia e esta cidade no foco". Entre os proxectos de vivenda en marcha, destacou as 104 novas vivendas públicas en Xuxán, na Coruña; as 363 en Bertón, en Ferrol; 120 en Santiago, e 12 vivendas en Narón, a partir da conversión de locais. A maioría destes proxectos inclúen tamén rehabilitacións no marco do programa Rexurbe, con actuacións en San Andrés na Coruña, en Ferrol e Betanzos.
No eido das infraestruturas, a conselleira repasou as actuacións que ten en marcha a Xunta, destacando o seu compromiso coas infraestruturas "funcionais, seguras e eficientes". Entre os proxectos futuros na provincia, mencionou a conversión da vía de altas prestacións Brión-Noia en autovía e a ampliación da AG-598 Santiago-A Estrada. Tamén se prevén varias obras de reforzo de firme e a segunda fase do Plan de Sendas de Galicia, que mellorará os itinerarios peonís e ciclistas en diferentes puntos da provincia.
A conselleira tamén trasladou aos construtores os avances nas novas infraestruturas sanitarias na provincia, coas actuacións encomendadas polo Sergas. Allegue rematou o encontro subliñando a importancia do compromiso do sector para facer realidade estes retos e proxectos.