A Xunta reforza a coordinación cos concellos da Coruña para afrontar a vaga de incendios

ACoruñaXa
Belén do Campo e Martina Aneiros lembran que a prioridade absoluta é garantir a seguridade das persoas e das vivendas
A CORUÑA a xunta e alcaldes dos concellos
20 May 2025

As delegadas territoriais da Xunta na Coruña e Ferrol, Belén do Campo e Martina Aneiros, reuníronse cos 93 alcaldes da provincia co obxectivo de reforzar a coordinación fronte á elevada actividade incendiaria que afecta a Galicia durante o mes de agosto. No encontro tamén participaron os responsables de prevención de incendios e emerxencias, Guillermo Acebal e Víctor Vázquez.

As representantes autonómicas advertiron de que se vive unha situación excepcional que obriga a priorizar a protección da poboación e das súas vivendas nas zonas máis ameazadas polo lume. Lembraron, ademais, que desde o 1 de agosto se rexistraron 492 incendios en Galicia, uns 370 máis que no mesmo período do ano anterior. Só na xornada do domingo chegaron a declararse arredor de 30 novos focos en toda a comunidade.

Para facer fronte a esta emerxencia, a Xunta puxo en marcha o maior operativo da súa historia, con máis de 3.000 profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, ademais de máis de 200 bombeiros, GES e Protección Civil, 343 efectivos de brigadas municipais, 380 motobombas, 36 buldócer, 10 batracios e 32 medios aéreos, xunto con persoal da Policía Autonómica, da UME e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

As delegadas agradeceron a colaboración dos concellos, pero insistiron na necesidade de extremar a vixilancia nas áreas máis vulnerables, revisar as faixas secundarias, manter os puntos de auga operativos e asegurar a dispoñibilidade das brigadas municipais. Tamén recordaron a importancia de dar aviso inmediato ao 085 ante calquera lume.

Finalmente, advertiron de que moitos dos incendios están a ser provocados e reiteraron a política de “tolerancia cero” da Xunta contra quen pon en risco vidas humanas e fogares, reclamando que todo o peso da lei recaia sobre os responsables.

⚙ Configurar cookies
0.17850208282471