A Xunta reclama ao Estado garantías para manter o carácter social das vivendas protexidas de Xuxán

GaliciaXa | ACoruñaXa
O BNG carga duramente contra a Xunta á que acusa de enganar aos cooperativistas de Xuxán
Imaxe da licitación de vivendas en Xuxán
21 May 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, instou no Parlamento de Galicia ao Ministerio de Vivenda e ao Instituto de Crédito Oficial (ICO) a garantir que se preserve o carácter social das vivendas protexidas proxectadas en Xuxán, na Coruña. A titular autonómica advertiu que as modificacións recentes nas condicións dos préstamos poderían comprometer ese obxectivo.

Allegue explicou que a Xunta leva meses solicitando aclaracións ao Goberno central sen obter resposta. En total, foron remitidas catro cartas ao Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana —unha delas asinada polo director do IGVS e as restantes pola propia conselleira— nas que se demanda unha reunión urxente coa participación dos cooperativistas de Galivivienda, adxudicataria do proxecto a través dun concurso público autonómico.

O conflito xorde despois de que o ICO modificase as condicións dun préstamo específico, creado en xullo pasado polo Ministerio para fomentar a promoción de vivenda en alugueiro accesible. A nova esixencia obriga aos socios da cooperativa a desembolsar en só 10 anos a garantía que inicialmente estaba prevista para ser abonada en 36 anualidades. Esta mudanza supón, segundo Allegue, unha ameaza directa ao equilibrio económico da promoción e ao compromiso social que debe garantir a vivenda protexida.

A conselleira tamén lamentou que Galicia non recibise “nin un só euro” dos 4.000 millóns de fondos europeos e dos 2.000 millóns estatais dispoñibles para o desenvolvemento de vivenda protexida en alugueiro.

Allegue quixo aclarar, ademais, que esta situación non suporá ningún incremento nos alugueiros que pagarán as familias, xa que os prezos das vivendas protexidas están regulados por normativa autonómica e, no caso concreto de Xuxán, establecidos en 4,85 euros por metro cadrado.

Por último, apelou á colaboración entre todas as administracións para atopar unha solución “precisa, urxente e esperanzadora” para os cooperativistas afectados, e advertiu de que esta modificación unilateral do ICO podería estenderse a outras cooperativas en España se non se actúa con celeridade.

O BNG ACUSA Á XUNTA DE ENGANAR AOS COOPERATIVISTAS

A portavoz de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández, cargou con dureza contra a Xunta pola súa xestión no proxecto de vivendas protexidas en Xuxán. A deputada acusou ao Goberno de Rueda de escoller “a propaganda fronte á verdade” e “vender como alugueiros sociais o que non o eran”, en referencia ás condicións económicas impostas aos cooperativistas das 224 vivendas promovidas pola xestora Galivivienda.

“No canto de poñerse do lado das persoas afectadas, póñense do lado de quen incumpre e manipula”, reprochou Fernández á conselleira de Vivenda durante a súa intervención no Parlamento galego. A nacionalista denunciou que a Xunta e a xestora enganaron “dobremente” aos cooperativistas, acusando a Galivivienda de actuar con opacidade e de alterar as condicións económicas “dun día para outro” sen control por parte da administración autonómica.

A deputada denunciou tamén que os afectados foron deixados á súa sorte cando acudiron ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS): “A primeira resposta foi dicirlles que se paguen un avogado”, censurou, a pesar de existir un convenio coa Avogacía galega para ofrecer asesoramento. Segundo explicou, nun segundo encontro, a Consellería “limitouse a lavar as mans e mentir sobre as condicións esixidas” para protexer á xestora.

Fernández puxo como exemplo da falta de transparencia o feito de que a promoción foi presentada publicamente pola entón conselleira Ángeles Vázquez como un proxecto de alugueiro social, cando os cooperativistas debían asumir máis de 50.000 euros de achega inicial. “É un novo bluf da política de vivenda do PP”, asegurou, lembrando que das máis de 6.000 solicitudes iniciais apenas quedaron 120, tras coñecerse os detalles reais da proposta.

A nacionalista reclamou ao Goberno galego dúas actuacións concretas: desculpas públicas “por enganar á xente con falsa propaganda” e medidas contra a “acción neglixente” de Galivivienda, á que acusa de provocar a fuga masiva de solicitantes, variar condicións de forma irregular, incumprir prazos que comprometen as axudas públicas e crear unha cooperativa paralela para sortear o “historial negro” da xestora.

 

⚙ Configurar cookies
0.069707870483398