A Xunta reclama ao Estado blindar a función social das vivendas en Xuxán

Nunha carta remitida ao Concello da Coruña e ao delegado do Goberno en Galicia, a Xunta asegura que foi a primeira administración en actuar ante a situación de Xuxán e que xa reclamou tanto ao Ministerio de Vivenda como ao Instituto de Crédito Oficial (ICO) medidas para garantir a función social das vivendas protexidas.
Segundo recolle o escrito, froito das xestións realizadas polo Goberno galego, o ICO validou as condicións de financiamento solicitadas inicialmente pola cooperativa. Porén, a Xunta afirma que o prioritario agora é que o Goberno de España blinde ese financiamento, o que require —subliña— a intervención directa do Estado e a garantía de que se manterán os fondos europeos MRR.
No mesmo documento, o Executivo autonómico pide ao Concello que se sume á reclamación para que o delegado do Goberno interveña, despois de meses intentando obter unha resposta do Ministerio sen éxito.
A misiva tamén recolle que a Xunta mantén desde o primeiro momento a man tendida aos cooperativistas, e advirte que non permitirá que os alugueiros accesibles, regulados pola normativa autonómica, se vexan desvirtuados. Se iso ocorre, recalca a carta, recuperarase o solo cedido.